Un grupo de profesionais de turismo e cultura do Norte de Portugal coñeceron este mércores na Costa da Morte a xestión da Xunta de Galicia na acollida aos peregrinos a través de visitas a varios albergues da Rede Pública do Xacobeo. A visita enmárcase nas primeiras accións do proxecto europeo Fazendo Camiño que arrancou en Santiago de Compostela e no que nos vindeiros anos a Xunta asesorará a Portugal na xestión e promoción do Camiño de Santiago.
Este mércores foi a quenda das visitas de campo para coñecer a rede pública de albergues, amosando o traballo levado a cabo na acollida de peregrinos tomando como exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía no caso concreto do albergue de Olveiroa e de O Conco, en Dumbría.
Fazendo Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V (POCTEP) desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e protección da Ruta Xacobea.
Entre as distintas actividades programadas incluirase a creación en Portugal do Consejo Luso-Galaico do Camiño de Santiago no que estarán representados todos os beneficiarios que buscará lograr o recoñecemento institucional que precisan as rutas xacobeas en Portugal para o seu desenvolvemento ordeado e sustentable.