Os profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, participan nos “II Premios Nacionales a Experiencias Eduacativas Inspiradoras para el aprendizaje”, convocados polo Ministerio de Educación. Estes premios queren poñer en valor o uso de ferramentas educativas abertas para mellorar a competencia do alumnado en diversos temas transversais, por suposto, tamén nas competencias en tecnoloxías da información e da comunicación.
Fina e Óscar, profesores do departamento de informática do IES Maximino Romero de Lema, preséntanse con toda a liña de traballo que desenvolveron no centro no eido da Intelixencia Artificial durante o curso 2022/2023.
A memoria presentada fai repaso de todo o traballo que fixeron e que quere poñer en valor o uso da intelixencia artificial co alumnado do IES, para traballar os seguintes valores:
- Igualdade de xénero.
- Respecto polo medio ambiente.
- Solidariedade.
- Loita contra adicións tecnolóxicas.
- Loita contra condutas homofóbicas.
O centro presentou estes traballos a varios certames galegos e estatais, resultando nalgún deles premiados e á espera do resultado do fallo do xurado noutros traballos.
Para a realización destes traballos, chegouse a contar coa colaboración do artista Rafael Navarrete, especialista en colorear fotos históricas e Sean Renner, artista alemán que puxo música a películas como “El vendedor de tabaco”, unha película sobre o nazismo en Austria.
Ademais, estes dous profesores participaron no “II certame internacional de cortometrajes sobre enfermidades raras”, creando unha curta que amosa a historia de Daniela Garrido, unha rapaza de Ponteceso, que padece síndrome de Rett, querendo dar a coñecer esta historia de superación. O traballo resultou gañador por votación do xurado popular.
Os dous profesores continúan afondando nesta liña de traballo co alumnado do instituto baiés para poder demostrar que a intelixencia artificial pode ser moi útil na adquisición de valores sociais e competenciais, tan importantes como os mencionados anteriormente.