Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha | 308 usuarios durante todo o ano 2022

2 minutes read

Desde que comezaron as vacacións nos centros de ensino o Concello está a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ás familias do municipio que teñen ao seu cargo nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha está en funcionamento durante as festas de Nadal de luns a venres -agás festivos- entre as 7:00 e as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. A cada usuario ofrecéuselle a posibilidade de acceder ao servizo ben todos os días ou ben días soltos, horario completo ou reducido e con almorzo opcional, establecéndose varias modalidades para adaptarse ás necesidades de conciliación que presenta cada un deles. Os servizos básicos incluídos para calquera modalidade de inscrición son a acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas con profesionais especializados.

Este mesmo formato do servizo -que durante o Nadal está a ser gratuíto- ofértasen durante o verán, Entroido e Semana Santa. O formato habitual lévase a cabo no resto do ano, cando hai actividade escolar nos centros educativos, desde as 7:00 horas e ata o inicio das clases en cada centro. No ano que vén de rematar foron usuarios do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha un total de 308 nenas e nenos.

Servizo de Canguros

Ademais, no marco do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha o Concello puxo en marcha recentemente o servizo gratuíto de Canguros dirixido a familias con nenas e nenos desde os catro meses e ata os doce anos de idade que contempla a prestación de coidados básicos e atención nos domicilios, así como o acompañamento de menores fóra da vivenda.

Cada unidade familiar beneficiaria dispón dun máximo de corenta horas anuais para cubrir necesidades puntuais -non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo- de conciliación obxectivamente demostradas por razóns laborais ou sociofamiliares.

As familias interesadas poden solicitar o servizo no Concello. Para o outorgamento das prazas, persoal técnico municipal realizará as oportunas entrevistas para avaliar a situación e as necesidades de conciliación de cada solicitante.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?