Programada unha charla en Coristanco sobre a sensibilización e prevención do dano cerebral

Xente nunha charla_PIXABAY

A charla vai ter lugar este mércores 9 de xuño ás 11:00 no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco. Para garantir a maior seguridade fronte a contaxios por COVID-19, o concello habilitou un procedemento de inscrición previa na Biblioteca Municipal, por teléfono no 651 664 908, ou a través do correo electrónico biblioteca@coristanco.gal. A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- dos accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Coristanco: a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, ADACECO. A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Coristanco e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.