- Será unha ruta circular na que se poderá observar a riqueza medioambiental e paisaxística deste espazo natural protexido.
A Plataforma Non Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural, coa colaboración da asociación ambiental Verdegaia, organiza unha andaina para reivindicar a defensa da lagoa de Alcaián, un L.I.C. cualificado como “Área de especial protección paisaxística” e que agora se atopa ameazada polos tres parques eólicos previstos na súa contorna.
A cita é para o domingo 22 de setembro ás 10h00 e o punto de saída – e de chegada – será o aparcadoiro do cemiterio de As Salgueiras, en Coristanco. Está previsto que a duración da andaina sexa de unha hora e media, con algunha parada para observar e comentar a flora e a fauna do lugar. A organización do itinerario conta coa colaboración da asociación ambiental Verdegaia, que ten denunciado en numerosas ocasións o espolio dos recursos naturais e a destrución do medio en Galicia.
A lagoa está situada nunha zona proposta para ampliación da Rede Natura 2000 feita no 2008, dentro da ampliación do LIC Río Anllóns, levada a debate parlamentario o 21 de decembro de 2011, onde foi denominada polo daquela conselleiro de Medio Rural, como “unha das brañas máis emblemáticas de Galicia”. A lagoa de Alcaián aparece dentro do Catálogo de Humidais de Galicia e tamén no Catálogo de Paisaxes de Galicia.
Especies únicas
Neste espazo natural atópanse especies endémicas, tanto animais como vexetais, incluso algunhas en perigo de extinción e/ou consideradas vulnerables como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae ou a Spiranthes aestivalis. No que se refire á Centaurea ultreiae estamos ante unha especie única no mundo que só se dá nesta zona. No caso da Spiranthes aestivalis, recóllese unha mención expresa no anexo V da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodeversidade, de especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita, ao igual que especies animais que gozan da mesma protección e que podemos atopar na zona, como a rá de San Antón, o lagarto silvestre, o pintafontes e tamén aves, moi vulnerables fronte aos aeroxeradores, como a tartaraña cincenta , o picanzo vermello ou o sisón.