A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este centro para anunciar a licitación das obras que permitirán renovar a distribución e mobiliario dos cuartos e a eficiencia enerxética de todo o edificio cunha inversión de 312.000 euros.
Estas actuacións permitirán mellorar a calidade de vida dos usuarios e traballadores desta residencia, ao tempo que supón unha considerable mellora das instalacións. Neste sentido, remarcou que un dos obxectivos do Goberno galego é ofrecer os servizos de maior calidade ao maior número de persoas posible.
En concreto, as obras engloban a reforma dos cuartos dos residentes, modificando a distribución e o mobiliario para permitir un mellor aproveitamento dos espazos e un uso individualizado por parte dos residentes, o que axudará a garantir o seu benestar. Por outra banda, reformaranse as instalacións de saneamento, fontanería, electricidade, luminarias e calefacción dos cuartos.