O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o concello de Muxía, onde se achegou acompañado polo alcalde do municipio, Iago Toba, e os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar, ata a estrada que dá acceso ás praias de Leis e Lago para observar o estado no que se atopa.
Xuntos comprometéronse a mellorar a vía que dá acceso á praia de Leis, unha obra que dará continuidade a actuación xa acometida polo ente provincial no acceso á praia de Lago, na que se investiron 495.000 euros e que foi “un exemplo de recuperación dunha vía pola que circula a prolongación do Camiño Fisterra-Muxía”.
A obra, que se realizará o ano que vén e que con ela se mellorará a pavimentación da estrada e se creará un paso seguro para peóns nun lugar que “ten unha presión de inseguridade viaria clara, sobre todo en época primaveral e estival”, momento no que se achegan máis persoas ao municipio. A contorna conta ademais con diversos negocios, entre os que figuran tres campings, sendo un punto de elevado tránsito vehicular e peonil.
Iago Toba, quixo agradecer ao presidente provincial o seu “compromiso con Muxia en xeral, e con esta actuación en particular, que é unha demanda histórica”. O alcalde tamén quixo destacar que ademais dos múltiples negocios e das importantes praias que hai na contorna, a veciñanza do núcleo de Leis precisa poder acceder ás súas vivendas con garantías de facelo de forma segura.