Programadas para Semana Santa novas visitas guiadas e teatralizadas ao Castelo de Vimianzo

O Concello de Vimianzo organiza unha nova programación cultural de cara á Semana Santa que, coma cada ano, terá de protagonistas o patrimonio e a artesanía do municipio. As actividades desenvolveranse do 1 ao 9 de abril.

O programa cultural contempla as xa tradicionais visitas guiadas ao Castelo. Desenvolveranse ás 10:30, 16:00, 18:30 e 19:00 horas. Os días 1 e 2 tamén haberá ás 12:00 horas. O luns 3 o Castelo permanecerá pechado.

Por outra banda, as visitas teatralizadas terán lugar ás 12:30 e 17:00 horas do 6 ao 8 de abril, mentres que o día 9 serán ás 12:30 horas. Correrán a cargo do grupo ‘Os Quinquilláns’.

Nos Batáns do Mosquetín realizaranse visitas guiadas do 4 ao 9 de abril ás 12:00 e ás 13:00 horas, mentres que no Castro das Barreiras celebraranse ás 17:00 horas nas mesmas xornadas.

As actividades son gratuítas reservándose 20 prazas para participar nas visitas guiadas e 100 para as teatralizadas. As inscricións deberán facerse a través da web municipal (www.vimianzo.gal) ou escaneando o código QR do cartel. En ambos os casos será necesario cubrir este formulario. Máis información chamando ao 981 716 001.

Mostra de Artesanía en Vivo

O Castelo acollerá a unha das iniciativas máis especiais en relación á cultura e á artesanía do municipio e da comarca como é a ‘Mostra de Artesanía en Vivo’.

Durante todos os días, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, as persoas que visiten o monumento durante a Semana Santa poderán gozar de varias demostracións de tratado do liño, encaixe, maquetaxe de barcos, traballos en palla, artesanía de prata e vidro e traballos en coiro e papel.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca que este é un programa “organizado para que todas as persoas que visiten A Costa da Morte, e especialmente Vimianzo, poidan achegarse ata o noso Castelo, Batáns e Castro das Barreiras para descubrir todo o noso potencial e toda a nosa artesanía”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha