O Concello de Camariñas foi un dos primeiros en sumarse a esta iniciativa, que se levou a cabo este luns 5 de xullo unha concentración en repulsa polo asasinato lgtbifóbico cometido o pasado venres na Coruña, e no que lle quitaron a vida a Samuel Luiz, de 24 anos. A concelleira de Igualdade, Begoña Tajes, animaba a todos os veciños e veciñas do municipio a sumarse a esta concentración, que tivo lugar ás 12.00 horas, na praza do Concello. Desde o goberno local amosan as súas condolencias e o seu máximo respecto aos familiares, amizades e persoas achegadas de Samuel, que foi brutalmente asasinado pola súa orientación sexual.

O Concello de Carballo sumouse tamén á convocatoria realizada pola organización Avante LGBT+ para condenar este asasinato e para que se esclarezan as causas desta agresión mortal. Este luns ás 20:00 horas levouse a cabo unha concentración aberta a toda a cidadanía na Praza do Concello, para manifestar unha vez máis a repulsa a calquera tipo de violencia. En Vimianzo a concentración tivo lugar ás 13:30 horas. En Ponteceso foi na Praza do Recheo ás 20:00 horas e en Cee ás 20:30.




