A Xunta prohibe desde este pasado martes todas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares na comunidade autónoma. Esta decisión implica que, ata novo aviso, non se concederán máis permisos e os xa outorgados quedan en suspenso a partir deste intre.
A decisión foi tomada despois de avaliar a evolución das condicións meteorolóxicas, unha vez analizados, de forma pormenorizada, os indicadores técnicos que inciden no risco de incendios en Galicia.
Tamén ten en conta a normativa que «prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control».
A Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que «extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento».
