O Concello de Camariñas continua dando a coñecer o encaixe e a Mostra do Encaixe a todos os niveis. Para isto, botou a andar o proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’, co que se busca chegar as familias a través dos que mellor poden levar unha mensaxe, os nenos e nenas.
Esta acción divulgativa, que se levará a colexios de diferentes zonas de Galicia, inaugurouse este martes no CEIP San Pedro de Visma e no Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, ambos da Coruña. Ata alí desprazouse o concelleiro Fabián Canosa; as representantes da Mostra, Dolores Lema e Noemí Toba; a bibliotecaria municipal, Ana María; e a profesora da Escola Municipal de Palillo, Bea Dios.
O fío condutor da presentación é unha mascota: ‘A Caramiña’, que é unha boneca baseada nun debuxo que fixo unha nena palilleira fusionando a pranta da caramiña con ela mesma.
Primeiro, presentóuselles aos escolares o encaixe de Camariñas a través dun conto popular escenificado con sombras chinesas por Ana Martínez: ‘A ratiña presumida’. O obxectivo deste primeiro paso é dar a coñecer a artesanía de Camariñas a través da lectura e a creación literaria. “A mensaxe dos contos chega ás nenas e aos nenos dun xeito intuitivo e interiorizase de maneira inconsciente. Así e como queremos que o encaixe chegue a todos, envolvéndonos coa súa beleza”, explicou Ana María.
Logo, Beatriz Dios explicoulles as partes da almofada, os puntos característicos do Encaixe, a forma de ensinalo antes e agora e as diferencias entre o noso e os europeos.
Ademais, tamén se lles resumiu aos escolares os recursos turísticos máis importantes de Camariñas, incidindo especialmente no que poderán atopar se se achegan en Semana Santa á Mostra: desde a aplicación do encaixe na roupa e complementos ata participar no desfile do PequEncaixe.
Os nenos e nenas das escolas municipais de palillo tamén quixeron participar activamente neste proxecto, e enviaron un vídeo no que lles explicaron aos escolares en primeira persoa por que lles gusta ir ás clases de palillo e participar na Mostra todos os anos, creando pezas que lles regalan aos seus familiares e desfilando no PequEncaixe.