O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual inicia este xoves na praza de abastos, coincidindo co mercado semanal, unha serie de degustacións que, ademais de poñer en valor a formación que están a recibir os alumnos e alumnas, contribuirán á promoción dos produtos de proximidade e permitiranche comprobar a súa gran calidade.
A iniciativa arrinca con dúas propostas moi mariñeiras: tostas de pastel de salmón e albóndegas de robaliza en salsa verde. Será de 11.30 a 13.30 horas.
A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un total de 20 persoas iniciaron a súa formación o pasado mes de outubro, 10 na especialidade de cociña e outras 10 na de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A finais de abril iniciarán o módulo de prácticas profesionais.
Ademais das degustacións no mercado municipal de abastos, co obxectivo de favorecer a empregabilidade do alumnado de cociña no sector da hostalaría, tamén se está a desenvolver unha colaboración coa Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) para a elaboración do almorzo dos seus usuarios e usuarias, tendo en conta as necesidades nutricionais e dietéticas de cada persoa.