Promoción dos viños e augardentes galegos na XI Feira Nacional do Viño-Fenavin

1 minutes read

Os viños e augardentes galegos de calidade diferenciada están presentes na XI Feira Nacional do Viño (Fenavin), que se celebra en Ciudad Real ata o vindeiro xoves. O espazo galego neste certame recibiu hoxe a visita do rei Felipe VI durante o seu percorrido por este evento. O monarca foi recibido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quen destacou a relevancia desta visita no contexto do prestixio e o recoñecemento que teñen acadado os viños e augardentes galegos nos diferentes mercados.

No marco desta feira, o director da devandita axencia puxo en valor o compromiso da Xunta a prol da calidade agroalimentaria. Neste sentido, destacou a futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, que ten como principal obxectivo o de acadar para os produtos galegos unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Vinculou ademais o impulso á calidade coa correcta xestión do territorio, a partires do aproveitamento dos seus recursos propios.