Proposta de convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Outes para a mellora da depuradora

1 minutes read

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, trasladoulle ao alcalde de Outes, Manuel González, a disposición da Xunta a cofinanciar un terzo das obras de mellora da depuradora.

Teresa Gutiérrez mantivo un encontro co rexedor de Outes para abordar o impulso deste proxecto de saneamento.

A directora indicou que Augas de Galicia lle remitirá ao Concello unha proposta de convenio de colaboración para poder axilizar a súa tramitación e avanzar nas actuacións. A Administración local licitará e executará os traballos.

O proxecto construtivo, que está a ultimar o Concello, prevé un orzamento de 300.000 euros para acometer a reparación da planta coa fin de incrementar a eficiencia no seu funcionamento.

A Xunta continúa achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar aos veciños os servizos de saneamento e abastecemento, que son da súa competencia.