O vindeiro 16 de outubro porase en marcha o Programa de Actividades 2023/2024 deseñado polo Concello de Zas no que se inclúen actividades deportivas, culturais e dixitais para toda a veciñanza. O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca que “este é un programa que se deseña con moito mimo e no que se combina ocio, cultura e deporte conseguindo unha gran implicación da veciñanza”.
Coma sempre, no programa inclúense diferentes actividades que promoven a actividade física e o deporte con opcións tanto para a rapazada como para as persoas adultas. Zumba e aróbic, ximnasia terapeútica, ximnasia de mantemento e ioga e pilates son as propostas para o público adulto. Mentras que os nenos e nenas poderán elixir entre multideporte, fútbol, taekwondo, patinaxe, baloncesto e judo. Tamén haberá tiro con arco e tenis de mesa tanto para adultos como para nenos.
Ao longo destes meses tamén haberá outras actividades culturais e que fomenta a creatividade dirixidas ao público adulto como bordado e ganchillo, macramé, arreglos florais, manualidades, cestería e restauración de mobles. E outras que ano tras as ano son un éxito: cociña , enxerto e poda e taller de memoria. Tamén seguiremos ofrecento tanto para o público infantil como para o adulto actividades como teatro, música e xadrez.
Este ano tampouco faltarán as actividades dixitais tales como o manexo do móbil para as persaos adultas (nivel básico e nivel avanzado) e un curso de robótica e gaming para o público infantil.
Tanto o horario de cada unha das actividades coma o prezo das mesmas pódese consultar na web do Concello e estará a disposición da veciñanza nos diferentes edificios municipais.
Inscricións
Para participar en calquera das actividades será necesario anotarse previamente, no Centro Sociocultural de Zas (981 751 398) ou no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056). Unha vez confirmada a praza realizarase o pago da mesma. Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Zas e as non empadroadas serán admitidas sempre e cando haxa prazas vacantes.