Prórroga do illamento social ante o coronavirus

Cedida.

As autoridades sanitarias insisten no estrito cumprimento das medidas de distanciamento social para poñer o freo á curva de contaxios. Ao peche de colexios e Universidades, tendas de servizos non esenciais, séguelle agora o de fronteiras. Xunto a estas medidas, o endurecemento no control da libre circulación de persoas, tanto na vía pública, cando esta non se axusta aos parámetros permitidos polo recente Estado de alarma, como en estradas, onde só se permite unha persoa por vehículo, 2 en circunstancias especiais e sempre co segundo ocupante no asento traseiro e no lado dereito (para respectar a distancia de seguridade), ademais de ter que demostrar con solvencia acreditada a razón de atoparse en circulación; implementan a efectividade das medidas aprobadas recentemente no último Consello de ministros. Así como o seu cumprimento estrito, ao azar do control por parte dos corpos e forzas de seguridade do estado.

E neste contexto a pregunta do millón é: canto tempo se necesíta para que as restricións produzan efecto?

As evidencias científicas requiren dun tempo do que non dispoñemos, tampouco sabemos o comportamento do coronavirus, o cal, ao ser novo, non nos permite trazar unha evolución e forma de comportamento concreta e determinada.

Ante esta situación, temos en Italia, China e Corea do Sur, o espello no que mirarnos.

Por unha banda, tanto China (país onde xurdiu o primeiro caso) como Corea do Sur, experimentaron unha evolución notabilísima na redución do número de contaxios.

China iniciaba as medidas de confinamento en Wuhan o pasado 22 de xaneiro e na provincia de Hubei, o 25 do mesmo mes. Deste xeito, o pasado mércores producíase a feliz noticia do primeiro día sen contagios locais. Se houbo 34 dos chamados “importados” (viaxeiros procedentes doutros focos da pandemia) pero cero producidos no xigante asiático. A tendencia dos últimos días estaba preto dos 50 diarios.

En Corea do Sur as últimas datas rexistraban ao redor de 100 casos diarios. Os números tamén son dunha baixada espectacular. Consecuencia directa da realización de numerosos tests diarios para coñecer o número máis aproximado real de positivos, seguimento exhaustivo dos infectados e un confinamento efectivo.

Por outra banda, temos o caso moito máis próximo tanto no tempo como en quilómetros, na moi próxima Italia.

O país transalpino está a vivir un auténtico drama. Conta con 41.000 persoas diagnosticadas, 4.400 curados e 33.190 que continúan enfermos. Ademais, acaba de superar a China en número de mortos. Nas últimas 24 horas do xoves producíronse 427 falecementos, cun total de 3.405 fronte aos 3.249 en China. Aínda máis desolador resulta o dato se comparamos os 60 millóns de habitantes cos que conta Italia cos 1.395 millóns de China.

Por se isto fose pouco, a situación na Lombardía é máis que desesperante. Na provincia lombarda de Bérgamo contabilízanse 4.645 contaxiados. Ademais de producirse a escena dantesca e dramática da xornada, coa caravana de 30 camións con féretros trasladándose para ser incinerados noutras localidades. Imaxe que poñía os nervios de quen o observaba, a flor de pel. Duras escenas que fan máis difícil entender como as medidas de confinamento na devandita rexión do norte de Italia non se cumpren cunha disciplina espartana. A través de controis nos teléfonos móbiles descubriuse que se producen un 40% de desprazamentos. Uns por traballo, pero outros esgrimindo a razón máis baladí que se lles poida ocorrer, co consecuente menosprezo do risco ao que poñen aos seus semellantes, e a eles mesmos. Unha inconsciencia que está a saír carísima, e no máis prezado, en vidas humanas.

O presidente de Lombardía, Attilio Fontana suplicou aos seus concidadáns que non saian das súas casas. Ameazando con medidas máis agresivas, no suposto de non conseguilo. Na mesma liña expresábase o Primeiro Ministro italiano Giuseppe Conte, nunha entrevista para Correr, onde mostraba a súa incredulidade e estupor, ao ver que a xente non respectaba as medidas, utilizando mesmo, nalgúns casos, o espazo público como centro de reunión.

Italia iniciaba o confinamento no norte do país o pasado 23 de febreiro, días despois, o 10 de marzo estendíase á totalidade do estado. Aínda que, nun primeiro momento considerouse volver á normalidade en colexios e universidades o 15 de marzo, posteriormente pospúxose ao 3 de abril. Nestes momentos o goberno italiano considera que un mes non será suficiente, sendo inevitable prolongar o confinamento para lograr derrotar ao covid19.

Semellanza no tratamento iniciático da enfermidade, no manexo dos “tempos” e na proximidade tanto sentimental como de proximidade xeográfica fan que os españois vexamos a Italia como o espello máis realista no que reflectirse. A nosa cultura, forma de entender e actuar na vida, componenda xenética e pertenza á Unión Europea sitúannos como altamente afíns e semellantes. Aviso a navegantes de que isto, vai prorrogar no tempo máis aló do que pensabamos, e que debemos ser moi estritos no cumprimento das duras medidas de confinamento social.

En primeiro lugar, debemos preservar a saúde, priorizando a vida humana. A continuación, esixir medidas económicas que de verdade axuden a “salvar” o desastre económico que se vai a producir.

Tempo haberá despois de depurar responsabilidades, e aquel que se manexou con comprobada imprudencia e temeridade no exercicio do seu cargo público, de demostrarse, pague por iso.

Agora só quédanos ser estritos en demasía para evitar no posible os duros días que han de chegar. Este país demostrou xa moitas veces que, nas duras, sabe actuar.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha