Unha das referencias da moda do baño en España, e con proxección internacional, estará un ano máis na Mostra do Encaixe de Camariñas: a valenciana Dolores Cortés é unha das últimas confirmacións do desfile de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
Dolores Cortés, a segunda xeración dunha familia artesá, iniciou a súa andaina na empresa cun espírito inconformista creativo que aínda hoxe perdura. Foi pioneira en España en introducir a patronaxe informatizada e o corte automático para a fabricación de traxes de baño.
Abriuse a novos mercados e desde principios dos 80, a empresa comeza a exportar a diversos países. Moderna e competitiva, Dolores Cortés Swimwear aborda o terceiro gran reto: lograr que o concepto MODA asóciese aos produtos de baño, e desfilar nas principais pasarelas.
Dolores Cortés inicia a súa traxectoria no mundo das pasarelas no ano 1999 na Pasarela do Carmen de Valencia. Posteriormente debuta na Pasarela Gaudí de Barcelona coa súa colección de baño para o verán 2002.
En 2007 inicia a súa participación na Pasarela Cibeles de Madrid e desde 2008 tamén participa na pasarela Gran Canaria Moda Cálida. En 2010 é invitada a participar na máis importante pasarela americana de Moda Baño, a Mercedes Benz Fashion Week Swim xunto ao Fashion Show iniciando así a apertura ao mercado americano.
Este mesmo ano a firma Dolores Cortés é seleccionada para a realización dos bañadores do equipo nacional de Natación Sincronizada para os Mundiais de Shangai.
Na actualidade Dolores Font Cortés é presidenta da Asociación de Deseñadores de Moda da Comunidade Valenciana. (DIMOVA). No ano 2012 traballou xunto ao Equipo Nacional de Natación Sincronizada, para os Xogos Olímpicos de Londres, deseñando integramente algúns dos bañadores e fabricando a totalidade. Este equipo gañou dúas medallas, unha de prata e outra de bronce, sendo especialmente aplaudido o modelo de escamas prateadas, deseñado e confeccionado integramente pola deseñadora valenciana.
Presenza de José Matteos
A pasarela de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acollerá un dos despregamentos creativos máis ambiciosos desta edición. O deseñador José Matteos fará de novo un desdobramento presentando as novas coleccións das súas dúas firmas: MATTEÔS Bridal, de noivas, e a marca de moda conceptual ÔSE Couture.
Para o creador, participar neste trixésimo quinto aniversario ten un significado moi especial e profundamente simbólico. «É posible que esta sexa a miña última colaboración coa Mostra durante un tempo», confesa Matteos. Por este motivo, decidiu presentar en primicia ambas coleccións ante o público camariñán como un recoñecemento a un espazo que foi clave na súa traxectoria dende a súa primeira participación no 2005, cando foi premiado como deseñador emerxente.
«Camariñas Tierra Querida»: o compromiso comercial coas palilleiras
Baixo a súa firma de noivas, MATTEÔS Bridal, o deseñador subirá á pasarela a colección “Camariñas Tierra Querida”. Estas propostas, que incorporan o encaixe de Camariñas, están a presentarse nestes mesmos días (do 28 ao 30 de marzo) nunha convención internacional para tendas e showrooms en París, dende onde viaxarán directamente a Galicia para a Semana Santa.
Esta liña está dirixida a noivas que buscan pezas especiais e valoran o traballo artesanal. Para Matteos, o obxectivo transcende o puramente estético: «creo que é fundamental que a Mostra non se limite só a mostrar o encaixe, senón que todo o traballo teña un efecto tanxible. Que eses vestidos se vendan e, á súa vez, xeren novos encargos de encaixe ás palilleiras, reforzando o seu labor artesanal e asegurando a continuidade do seu oficio», reivindica.
«Galicia Eterna»: o contrapunto conceptual de ÔSE Couture
Como contrapeso á delicadeza nupcial, a firma ÔSE Couture presentará “Galicia Eterna”, unha colección que se dará a coñecer integramente a nivel comercial no mes de setembro, pero que o público da Mostra poderá gozar en primicia.
«É unha proposta con moita forza que conecta coas miñas raíces e coa esencia máis profunda da miña identidade creativa», explica o deseñador. Esta liña funciona como un perfecto contrapunto, mostrando a dualidade que sempre marcou a súa visión. A posta en escena será fundamental, contando cunha música creada en exclusiva para o desfile en Camariñas que non só acompañará, senón que «construirá o mensaxe».
Para lograr integrar o milenario e delicado encaixe de Camariñas en dous mundos tan distintos (a tradición nupcial e a arte conceptual rompedora), Matteos asegura que o ‘cambio de chip’ é sinxelo grazas á súa forma de traballar.
Definíndose como un «artesán da agulla e do deseño», Matteos confecciona persoalmente os prototipos, aplicando unha metodoloxía desenvolvida ao longo dos anos para asegurar que o encaixe se integre respectando a súa delicadeza. «En ÔSE Couture a creatividade permíteme experimentar, pero o verdadeiro reto está en atopar o equilibrio entre o deseño, a creación dunha prenda para a pasarela, a alta costura e a comercialización, integrando de forma natural o encaixe de Camariñas», conclúe.