Prosegue a formación dos membros do servizo de defensa contra os incendios forestais

1 minutes read

A Dirección Xeral de Defensa do Monte, continúa reforzando a formación dos efectivos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia mediante un curso relativo á seguridade no uso de vehículos todoterreo. Así, uns 2.500 profesionais deste dispositivo -dentro das categorías de técnicos, axentes, bombeiros forestais, condutores e oficiais mecánicos- están reforzando os seus coñecementos para unha condución segura en terreos de fortes pendentes e orografía complicada.

A través desta acción, estase a formar aos alumnos no uso da sinal V-1, circulando en servicio de emerxencias, así como instruír aos condutores de vehículos e motobombas 4×4 nas técnicas específicas de condución e capacitalos tamén para superar obstáculos (pendentes, inclinacións laterais, cruce de pontes) de forma segura e eficaz.

Este curso especializado -que se está impartindo en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)- conta cunha carga lectiva de 12 horas, a metade on line teórico-práctica e o resto de formación práctica con vehículos en zonas de monte. Esta última estase a desenvolver en grupos de 20 alumnos e distribúese por diferentes puntos do territorio galego.

O programa teórico desta acción formativa aborda aspectos como a transferencia de pesos e o centro de gravidade, as capacidades de tracción e a adherencia, as paradas de emerxencia, os descensos e ascensos pronunciados ou o paso de gabias e cunetas. Estes contidos teóricos contan con cadanseu manual e vídeo explicativo. Na elaboración destas pezas audiovisuais participan Sergio e Diego Vallejo, os pilotos galegos máis laureados, con ampla experiencia en diferentes probas todoterreo, entre elas o Dakar.