Prosegue o traballo a pé de rúa de Xuntos Carballo M+J

Exif_JPEG_420

A formación municipalista está a desenvolver un arduo traballo, con esforzo e dedicación, á atención cidadá, á vez que trata de fiscalizar as carencias do Goberno local a modo de ‘oposición construtiva’, sen ser oposición. Nos últimos días recolleron novas reivindicacións veciñais desde diferentes puntos do territorio municipal, polo que varios membros da formación desprazáronse para coñecelas de primeira man.

Desde Rebordelos transmiten a súa indignación referente ao tramo de estrada que une Baldaio e Razo, á altura da farmacia, desde onde foron numerosas as ocasións nas que os veciños trasladaron ao goberno local a necesidade da colocación de bandas rugosas, dado que na devandita zona a velocidade á que circulan os vehículos é moi elevada, co perigo que iso conleva.

Tamén en Baldaio, en Casadelas, na parroquia de Noicela, recolleron a queixa dun matrimonio dependente e de máis de 90 anos. Afirman que se atopa abandonado por parte da atención que lle prestaban os Servizos Sociais e que deixaron de facelo desde fai máis dun mes.

A seguinte refírese á escaseza de limpeza dos contedores de residuos sólidos que están moi sucios e desprenden cheiros nauseabundos en O Val de Rus. Desde este mesmo lugar manifestan igualmente o seu malestar ante a tapa de ferro que se puxo no lavadoiro que imposibilita un correcto uso do mesmo; ademais preocupan profundas fochancas, un suco que atravesa a estrada con buracos, falta de protección nos regatos ou o mal estado da zona de xogos.

Para finalizar desde o aparcamento público da rúa Névedas a cidadanía está moi molesta en referencia ao malísimo estado en que se atopa o seu firme. ‘Mentres se segue vendendo fume desde o consistorio, as xentes do medio rural e urbano seguen esperando por unha serie de actuacións urxentes que nunca chegan. É hora de actuar e solucionar os problemas cotiáns’, sinala Xesús DeusGende, portavoz da formación.