Proseguen a bo ritmo os traballos de ampliación do centro de día de Cabana de Bergantiños


As obras de ampliación do centro de día para persoas maiores de Cabana de Bergantiños, prevese que estean rematadas o vindeiro ano. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cabana, José Muíño, visitaron este inmoble pertencente á rede pública autonómica e que xestiona de maneira directa o ente consorciado.

A Consellería de Política Social financia máis do 60% desta actuación. En concreto, achega 200.000 euros a través dun convenio de colaboración entre o Consorcio e o Concello bergantiñán subscrito en xullo de 2020. A ampliación do centro desenvólvese nunha parcela anexa que no seu día adquiriu a Administración local, que tamén é a responsable da contratación e execución dos traballos.

Perfecto Rodríguez explicou que con esta intervención os usuarios do centro “terán máis comodidades e desfrutarán dun maior benestar ao dispoñer de máis espazo para o desenvolvemento de actividades, o que redundará na calidade asistencial”.

Prazas dispoñibles

Así mesmo, con esta ampliación ábrese a posibilidade de aumentar o número de usuarios no caso de que exista demanda. Na actualidade, o centro de día de Cabana de Bergantiños conta con 34 prazas dispoñibles e fan uso diario deste servizo unha vintena de persoas maiores.

A proposta do Concello contempla un incremento da superficie útil da infraestrutura, ao pasar dos 135 metros cadrados dos que dispón agora aos 335 unha vez rematada a ampliación. A nova distribución será de planta baixa, primeira e segunda; e serán accesibles para os usuarios en cadeiras de rodas. A planta primeira destinarase a centro de día e contará tamén cun espazo exterior para o desfrute dos seus usuarios. O resto de plantas albergarán outros usos sociais do Concello.

O centro de día de Cabana de Bergantiños ofrece unha atención terapéutica integral, co fin de promover tanto a autonomía persoal como o envellecemento activo e saudable dos maiores que acoden ao mesmo. Para conseguir este obxectivo, este servizo de atención diúrna conta con profesionais que planifican e levan a cabo diferentes actividades, obradoiros e terapias, segundo as necesidades dos usuarios.