Tras o primeiro encontro do 20 de xuño, no que os nenos, nenas e adolescentes tomaron “posesión” como “conselleiros/as” do Espazo de Participación de Nenos, Nena e Adolescentes, celebrouse un segundo encontro no que comezaron a traballar na mellora da Laracha.
Ao encontro, que tivo lugar na Biblioteca Municipal da Laracha, asistiron un total de 20 conselleiros/as no que realizaron unha serie de dinámicas participativas coa intención de validar a diagnose da situación da infancia e da adolescencia e o I Plan Local de Infancia e de Adolescencia. Para isto, contaron con unha serie de dinámicas nas que se pretendía que abordasen estas cuestións a través de actividades que permitisen mesturar o baile, o xogo e o debuxo coa identificación de necesidades, a planificación e o diálogo.
Así, resaltáronse aspectos negativos e positivos do municipio, así como posibles actuacións para conseguir una mellor situación para todas as idades, pero en especial para eles e elas. Como tal, destacaron como aspecto positivo a convivencia existencia entre a veciñanza: “Encántame moita xente que é veciña miña sexan moi amables, que nos intentemos botar unha man sempre”. Do mesmo xeito, destacáronse os espazos naturais do noso municipio.
Seguidamente, como cuestións a atender, sinaláronse a importancia dun espazo público máis seguro para poder camiñar e recorrer en bici e máis bonito, verde e colorido e no que, especialmente nos parques, conten con equipamento para todas as idades. Por último, estableceuse en todo momento a importancia de que a participación sexa a característica principal para a posta en marcha destas melloras, como foi no caso da opción dos murais artísticos: “Podemos facer que teñamos paredes máis bonitas e que un artista debuxe algo precioso, pero temos que tamén facer que todos nos sintamos identificados con debuxo, teremos que decidilo todos”.
No próximo encontro a celebrar a volta do verán, abordarase a selección do/a representante no Consello Autonómico de Infancia. A iniciativa de participación a nivel autonómico, establécese como un espazo de encontro entre os diferentes órganos de participación de infancia existentes en Galicia. Na mesma, o concello da Laracha contará con representación, a cal terá que ser escollida polos conselleiros e conselleiras do Espazo de Participación.
Con estas accións procúrase que a redacción do 1º Plan Local de Infancia e de Adolescencia se realice dun xeito participativo, multidepartamental e no que se teñan en conta as opinións e as propostas dos nenos, nenas e adolescentes.