Proseguen en Carballo os actos da Semana Europea da Mobilidade

Cedida.


A Concellaría de Mobilidade “chequea” coa asociación Íntegro a accesibilidade de distintas zonas urbanas, froito desta colaboración fóronse detectando obstáculos e poñéndolles solución. Un grupo de usuarios e usuarias saíron á rúa para, por unha banda, comprobar as obras realizadas na contorna do balneario, e, por outra, examinar zonas nas que aínda non se ten actuado. No percorrido participaron o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís.

Dende Íntegro valorouse moi positivamente a actuación no ámbito dos Baños Vellos, tanto dende o punto de vista da accesibilidade como, mesmo, dende o estético. O percorrido incluíu tamén rúas dos barrios da Braña e do Hospital, nas que, aínda que existen rebaixes nas beirarrúas, non se adaptan á normativa actual ou, como no caso da rúa Ecuador, carecen de treitos de beirarrúas por estar incluídas en polígonos urbanos pendentes de desenvolver por parte das persoas propietarias.

O Concello de Carballo realizará un proxecto para intentar actuar nestas zonas, avanzando deste xeito no longo camiño que aínda queda para conseguir a accesibilidade universal. Dende Íntegro valorouse especialmente o esforzo que está a facer o Concello de Carballo, que puxeron como exemplo dentro do seu ámbito de influencia, que é a Costa da Morte.

A Semana Europea da Mobilidade chegará á súa fin este venres. Durante esta semana as actividades concéntranse nos colexios públicos de primaria, onde se está presentando o xogo de mesa Cicl-Ando Carballo. Dende este martes e ata este venres estase a realizar nos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Canosa-Rus sesións co alumnado para dar a coñecer o mecanismo do xogo, que se compón dun circuíto que deben percorrer os/as participantes (as fichas son figuras de peóns de cores) ata chegar á meta final, pero para iso deberán ir respondendo ás preguntas ou realizando as probas correspondentes a cada casiña, sempre relacionadas coa mobilidade sostible. Ademais de dar a coñecer as instrucións, o persoal encargado da difusión do xogo entregará un exemplar a cada centro polo que vaia pasando para que poidan seguir practicando durante o curso.

Xogo de mesa Cicl-Ando Carballo.