Proseguen os traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas

1 minutes read

Esta semana continúan as tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias que xa se tiñan iniciado en días anteriores. Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que se levan a cabo ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade autonómica. Dáse así cumprimento á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos. Con estes traballos tamén se impulsa unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.