Prospera a moción de censura en Malpica, Eduardo Parga (PP) é o novo alcalde

3 minutes read
Alfredo Cañizo y Eduardo Parga, con el bastón de mando, tras el pleno de la mocion de censura.
Alfredo Cañizo e Eduardo Parga, co bastón de mando, tras o pleno da mocion de censura.

Malpica de Bergantiños foi o foco de atención política este venres en moitos quilómetros á redonda. E é que o pleno extraordinario convocado para as 12 do mediodia tiña todos os ingredientes para que non fose menos. Votábase a moción de censura presentada polos 6 edís do PP e o concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos, Alfredo Cañizo, ex socio tamén do goberno tripartito que formaron desde as eleccións de 2019 e ata o de agora o PSOE, o BNG e o propio Cañizo.

Por cuestións de aforo o pleno extraordinario celebrouse no Centro Cívico da vila que se encheu puntualmente cunhas sesenta persoas sentadas, a maioría afíns ao goberno saínte. Os ánimos estaban moi quentes con insultos e ameazas por bandos e o pleno foi bastante bronco. De feito as forzas da orde montaron un dispositivo especial de seguridade con varias patrullas da Policía Local, da Garda Civil e reforzos da Unidade de Seguridade Cidadá de elite (USECIC).

Patrullas da USECIC entrando en Malpica, xunto ao valo saboteado de Cañizo.

O concelleiro de maior idade, o popular Miguel Ángel Fernández Mirás, foi o encargado de presidir a sesión e ler o texto da moción, moi criticado polo resto de grupos ao establecer o seu discurso integramente en castelán, acusando ao xa ex rexedor, Walter Pardo, de «falta de liderado político e prácticas antidemocráticas á fronte da alcaldía». En varias ocasións tivo que facer chamadas á orde polas continuas interrupcións do público presente na sala.

O alcalde saínte, moi emocionado, despediuse mostrando o seu «tremendo orgullo» de ser durante os últimos dous anos o representante do pobo que o viu nacer e crecer, «xamais me perderás Malpica», matizou.

Pola súa banda, Alfredo Cañizo, defendeu a súa traxectoria política de máis de 26 anos e lamentou os insultos que estaba a recibir, por parte de moitos dos presentes, por non facer nada ilegal. «Eu estou a exercer o meu dereito democrático», «estou aquí porque houbo moita xente de Malpica que me votou libremente». Cañizo foi increpado á saída do acto por un veciño da vila, recoñecido polos presentes como Manolo de Camilo, que chegou a empuxalo cando xa se ía en compañía da secretaria do seu partido.

Momento no que Cañizo é increpado e empuxado por un asistente ao pleno.

Miguel Varela, portavoz do BNG, sinalou que “toda a base da acción política parte do diálogo e así continuaremos, exemplarizándo desde a bancada da oposición”.

O novo rexedor malpicán, Eduardo Parga, logo da celebración do pleno, indicou que este 3 de setembro «é un día importante para Malpica», que traballará “para darlle dinamismo ao municipio, poñernos a xestionar a partir de xa e darlle saída a todo o que quedou feito polo anterior goberno, así como preparar os novos proxectos que presentaremos nas próximas semanas”.

A corporación quedará composta da seguinte maneira: Eduardo Parga como alcalde; Miguel Ángel Fernández; Fernando Rodríguez; María Soledad Blanco; Noelia Freijeiro; María del Pilar Doldán; e Alfredo Cañizo como edís do goberno. A oposición estará conformada por Walter Pardo, Sergio García, Anxo Garrido, María Manuela Álvarez, por parte do PSOE; e Leticia Varela e Miguel Varela por parte do BNG.

Membros do goberno de Malpica tras a mocion de censura.