Protagonismo carballés con showcooking en Xantar

dpm.

O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo será un dos protagonistas do día en Xantar, onde ofrece un showcooking este venres. Un ano máis, Carballo está presente por partida múltiple no Salón Internacional do Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense, e que, precisamente, arrancou este mércores cunha auténtica exhibición por parte dos dous restaurantes locais mellor valorados polas persoas usuarias de TripAdvisor, Pementa Rosa e Río Sil.  

A calidade da restauración carballesa é un dos pratos fortes, e outro, sen dúbida, é a panadaría. Por iso, xunto ao showcooking da Escola de Hostalaría, o público de Xantar poderá gozar no stand da Deputación da Coruña dunha degustación de pan e empanada dos artesáns carballeses.

O alumnado de Fernando Agrasar acenderá os fogóns ás 11.00 horas para preparar empanada caseira e arroz caldoso con peixe e marisco, que se servirán en petiscos e que, sen dúbida, colleitarán un novo éxito. A Escola Municipal de Hostalaría estreará en Xantar os novos salvamanteis promocionais con imaxes e información sobre o centro de formación que xestiona o Concello de Carballo.