Protagoniza unha fuxida temeraria da Policía por varias rúas de Carballo

Vehículo da Policía Local

Veciños da carballesa rúa Perú, levaban uns días queixándose da condución temeraria que estaba a realizar unha persoa ao volante dun turismo Audi con placas de matricula de Suíza polas inmediacións do aparcamento do Centro Comercial Bergantiños.

Tras unha nova chamada este mércores ás 9 da noite á oficina do 092 informado novamente dos feitos, a Policía Local de Carballo montou un dispositivo de localización do vehículo con varias patrullas, para tratar de identificar o seu condutor en aras de esclarecer este comportamento.

Esta persoa decatouse da presenza dos axentes e deuse á fuga de forma brusca e temeraria, circulando con exceso de velocidade permitida -superior ao 100 km/ h- así como en sentido contrario por diferentes rúas do centro, ignorando os sinais acústicos e visuais dos vehículos policiais. Tras uns minutos pisándolle os talóns tentou darse á fuga pola rúa Vila de Negreira, penetrándose ao final en dirección prohibida na Vila de Noia, esta de sentido único, polo que ao atoparse con coches de fronte non tivo escapatoria e foi detido pola Policía Local.

O condutor resultou ser un mozo coruñés que deu positivo en alcol e drogas, posteriormente quedou en liberdade sendo citado para un xuízo rápido. O turismo foi inmobilizado en dependencias municipais.