viernes, 29 mayo , 2026

Protección Civil de Carballo coordina unha recollida de material humanitario para La Palma

1 minutes read

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, unida a todas as agrupacións do Estado, coordinará unha campaña de recollida de material humanitario imprescindible para a vida diaria da poboación de La Palma. “Debido á terrible catástrofe que está sufrindo a illa da Palma, numerosas familias quedáronse literalmente na rúa e co posto, polo que facemos un chamamento xeral a toda a poboación para que cada quen, dentro das súas posibilidades, colabore co que poida para poder axudar ás persoas que o precisen”, explica o xefe da Agrupación de Voluntarios de Carballo, Juan Barca.

O obxectivo da campaña, que se desenvolverá a nivel estatal, é achegar o material que precisan as persoas afectadas para poder seguir adiante. Nese sentido, o máis necesario nestes momentos son roupa de cama (sabas, mantas…), toallas e material de hixiene tanto para adultos coma para nenos.

Así mesmo, para facilitar o labor das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de La Palma tamén se precisa material técnico coma cascos, chalecos, máscaras filtrantes ou lanternas.

Todas aquelas persoas, empresas e entidades que queiran colaborar poden depositar o material na Base de Protección Civil do Concello de Carballo ata o venres día 8 de outubro de 2021. Dende aquí, a Agrupación de Voluntarios farase cargo de enviar, ou, se é posible, entregar persoalmente, toda a axuda que se recolla ás persoas afectadas pola erupción do volcán de Cumbre Vieja.