A Base de Protección Civil de Carballo situada no edifico do antigo centro médico, na Avenida do Ambulatorio, acollerá este sábado día 11, ás 12 da mañá, a presentación da revista “Ao teu carón”.
Esta revista, a número 1, conta coa colaboración de varias persoas tanto a título individual como en representación de distintas organizacións de ámbito local, provincial e mesmo de fóra da comunidade autónoma.
Ao acto asistirán, ademais dos voluntarios e voluntarias carballeses, representantes das agrupacións da comarca, da xunta directiva da Asociación Provincial así como representantes da xefatura provincial de Protección Civil da Xunta e as autoridades locais.
A Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Carballo foi fundada no ano 1987 e ao longo dos seus máis de 35 anos de existencia veu colaborando en, practicamente, todos cantos eventos se desenvolveron ao longo e ancho da provincia, comunidade autónoma e mesmo máis aló das fronteiras galegas.
Ao longo da súa historia recibiu numerosos recoñecementos que fan da Agrupación unha das mellor consideradas e valoradas a nivel estatal.
Actualmente conforman a Agrupación 46 voluntarios e voluntarias que dedican, sempre sen pedir nada a cambio, parte do seu tempo para facer máis levadía a vida de xente. Trás o acto de presentación da revista, voluntarios e voluntarias, xunto cos invitados ao acto, gozarán dunha, máis que merecida, comida consistente nun magnifico cocido nun coñecido restaurante carballés.