Protección Civil de Carballo recibe un novo vehículo todocamiño


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega este sábado no Monte do Gozo de un vehículo todocamiño destinado a mellorar o equipamento de emerxencias da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo (AVPC). Este vehículo conta, entre outras características, con 190 cv, dirección asistida e control de descenso de pendentes para que os voluntarios poidan circular por todo tipo de terreos para levar a cabo as súas intervencións coa máxima seguridade e eficacia. Á recepción acudiron o presidente da entidade carballesa, Luís Barca, así como o concelleiro da área, Juan Seoane, entre outros membros da Agrupación. As AVPC tamén poden beneficiarse da liña de subvencións anual coa que a Xunta financia os seus gastos de funcionamento daquelas ubicadas en concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. Do mesmo xeito que Carballo, tamén recibiron este tipo de vehículo Arteixo, Fene, Allariz, Vilar de Barrio, Cuntis, Vilanova de Arousa, así como a Mancomunidade do Ribeiro.