O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega este mércores dunha embarcación pneumática semirríxida destinada a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Fisterra para actuacións de salvamento e rescate. A embarcación con case 6 metros de eslora total permitirá reforzar o equipamento desta agrupación para levar a cabo actuacións de salvamento e rescate en praias costeiras e fluviais. .
Rueda destacou o labor altruísta levado a cabo cada día polos voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade dos cidadáns e tamén a súa implicación nos meses máis duros da pandemia en operativos relacionados coa loita contra a covid-19. Así, participaron no reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade e na limpeza e desinfección de lugares públicos. Deste xeito, destacou a colaboración destas agrupacións para reforzar os servizos de emerxencias, sobre todo en actividades de prevención, e mesmo en intervencións.
Tamén incidiu na necesidade de investir en prevención para que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para traballar nas mellores condicións e realizar as súas intervencións con seguridade e maior eficiencia.