Protección Civil de Ponteceso | Protagonista dunha nova liorta municipal

2 minutes read

A Xunta Directiva da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ponteceso, a través do seu presidente Modesto Parga, emitiu un comunicado mostrando a súa clara discrepancia coa actitude do alcalde socialista Lois García Carballido. Segundo afirman o alcalde convocaba a unha reunión a «algúns» voluntarios da AVPC para o pasado xoves día 3 de xuño no edificio das escolas de Ponteceso. Ao parecer uns por carta certificada, outros por Whatsapp e outros segundo reza nese escrito nin foron convocados. Como orde do día figuraba como segundo punto «Acordos que procedan».

Os seguidores da causa coa actual AVPC afirman que se presentaron á convocatoria en tempo e forma, pero tras esperar 30 minutos non apareceu ninguén. «Recibimos unha notificación ao día seguinte indicando que a reunión se suspendía». «Parécenos un desprezo e unha falta de respeto cara a voluntarios que ofrecen o seu tempo e traballo desinteresadamente sen recibir nada a cambio».

Parga afirma que «Temos constancia de que a intención do alcalde era botarnos fóra aos que non lle somos afíns, vulnerando os nosos dereitos de información e participación, e elixir a dedo unha nova Xunta Directiva para uso do seu interese persoal». «Tamén nos consta que hai persoas vestidas co uniforme de Protección Civil de Ponteceso que non son voluntarios da agrupación nin teñen a debida formación para selo, polo que poden non ser de fiar», conclúe.

Versión de Lois García Carballido

A versión do alcalde, Lois García Carballido, contrasta totalmente coa explicada ata o de agora, tacha á AVPC de «un grupo moi reducido de voluntarios non activos que se nega a colaborar co Concello e onde os concelleiros tránsfugas son os que están detrás dese grupo, utilizando o seu cargo na agrupación de Protección Civil para facerme oposición política».

O alcalde afirma que o presidente da AVPC ten a chave de acceso ao sistema informático de xestión da entidade e non a devolve. «Tal e como nos decatamos polo censo oficial de voluntarios de Protección Civil da Xunta de Galicia, este señor dedícase a dar altas e baixas de voluntarios ao seu antollo, co único criterio de se están nun bando político ou en outro».

García Carballido afirma poñer a situación en coñecemento das autoridades superiores de Protección Civil, tanto a nivel provincial como autonómico e estatal, para que se brinden en tomar unha decisión, que pasaría por regularizar o censo de voluntarios como estaba antes de dar altas e baixas polo presidente da agrupación local de forma «arbitraria».

«É unha pena que este conflito derive en detrimento dunha entidade tan nobre, tan importante e tan digna como é Protección Civil por culpa de que se permita que un señor manexe unha aplicación de altas e baixas como lle plazca», concluíu o alcalde.

Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso.