Protección Civil de Santiago recibiu case 2.000 chamadas en 2019

1 minutes read
  • A Agrupación cumpre neste mes 24 anos e na actualidade está formada por 50 voluntarios

No pasado ano 2019, Protección Civil de Santiago recibiu case 2.000 chamadas do 112, a maioría por accidentes ou para recollida de animais, pero tamén por lumes e rescates ou para atención sanitaria, case sempre nos Camiños. Así o comunicou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, durante a presentación da memoria de actividades do 2019 da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago de Compostela.

Na presentación tamén estivo a responsable da Agrupación, Begoña del Río, quen deu conta tamén do 24 aniversario da mesma neste mes de marzo. Muíños destacou o labor dos voluntarios de Protección Civil como «fundamental e imprescindible» para a atención de diversas incidencias, servizos que se prestan a diferentes colectivos ou na organización de eventos.

A propósito do traballo nas rutas xacobeas, o concelleiro lembrou que «a vixilancia dos Camiños é diaria mañá e tarde durante oito horas, e sen dúbida o seu traballo vai ser tamén fundamental no próximo Ano Santo».

A Agrupación de Protección Civil Santiago de Compostela abrangue unha ampla franxa de idade de voluntariado -dos 16 aos 60 anos- e actualmente está formada por 50 voluntarios.