Achégase a noite de San Xoán, e a cacharela ou fogueira é o centro da celebración, pero tamén un foco de lume que entraña riscos. Para que a festa acabe felizmente cómpre que os participantes, e especialmente quen a organiza, teñan en conta unhas medidas de seguridade que agora lembramos.
A noite de San Xoán vai vencellada ao lume, pero isto non significa que calquera pode prender unha fogueira onde e como lle pareza. O camiño na procura dunha festa sen sobresaltos empeza no Concello, onde outorgan o permiso correspondente coas condicións que debe cumprir.
Dende Protección Civil sinalan que «A fogueira non pode pasar dos dous metros de alta e os catro de ancha. Ten que estar rodeada dunha franxa limpa, manter unha distancia de seguridade das casas, vehículos e outros elementos combustibles. Hai que ter bidóns con auga ou extintores ou mangueira conectada a unha billa, dependendo da magnitude da fogueira, por se hai algún problema e poder apagala».
Chegado o momento de prendela, pode suceder que, ante determinadas circunstancias atmosféricas, non se deba poñerlle lume.
Outro momento que require de sentidiño por parte de todos os participantes é cando chegan os saltos sobre as brasas. A sobriedade é clave para non saír queimado.
Quen organizan fogueiras abertas e ás que concorre moita xente deben contratar un seguro de responsabilidade civil para afrontar posibles riscos persoais ou materiais.