Varias ducias de mariscadoras e mariscadores xunto con membros de Ecoloxistas en Acción e da plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx ocuparon durante a xornada deste luns as instalacións da mina de San Finx, en Lousame, para esixir responsabilidades polas verteduras continuadas con metais pesados. Durante a acción de protesta despregouse unha enorme faixa de 14 metros de lonxitude demandando a fin da impunidade da mina, que nos últimos meses leva verquendo 50.000 litros por hora de augas contaminadas con cadmio, cobre e cinc.
Por outra parte, na acción tamén se demandou a revogación inmediata da autorización de verteduras outorgada por Augas de Galiza o pasado xaneiro, e que implicaría o vertido de case 1.000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina. “A empresa carece de capacidade técnica e solvencia económica para poñer en marcha unha actividade que poría en risco a millares de postos de traballo na ría de Muros e Noia, situada a apenas 7 km augas abaixo”, explican Joám Evans e Rogelio Santos, voceiros da plataforma comarcal.
Augas de Galiza xa constatou o pasado mes de agosto, logo das denuncias dos colectivos da plataforma comarcal contra as verteduras, que os niveis de cadmio xusto abaixo das balsas nas que se realizou a protesta superan 78 veces o valor máximo permitido pola lexislación. O mesmo sucede para outros metais pesados como o cobre ou o cinc, para os que se superan 48 veces e 8 veces respectivamente os valores máximos permitidos.
Meses despois das múltiples protestas, a Xunta da Galiza, a través de Augas de Galiza, iniciou este martes o procedemento de revogación de autorización á empresa Tungsten para a execución dunha depuradora para o tratamento das augas residuais industriais, ao detectar o incumprimento dos requisitos establecidos. Segundo informan fontes da Xunta, xa lle comunicou esta decisión á empresa e estabeleceu un prazo de 10 días para que poida presentar as alegacións que estime oportunas con relación a este procedemento.