Protestas xeneralizadas en Carballo por ruído nas terrazas fóra de hora

1 minutes read
  • Veciños de rúas como Fomento ou Camiño Novo tamén se queixan da velocidade á que circulan os vehículos pola noite.

A desescalada e o bo tempo contribuíron esta semana á activación de forma masiva das terrazas exteriores en diversos locais de hostalería, terrazas convertidas en zonas amplas de mesas e cadeiras, polas rúas, para gardar no posible a distancia establecida.

O difícil é compaxinar o lecer duns co dereito ao descanso doutros, aínda que ao estar regulado por Lei en franxa horaria, faise un pouco máis fácil. De todos os xeitos, varios veciños da zona centro de Carballo remitiron un comunicado á redacción deste medio queixándose dos ruídos xerados pola música e os clientes dos locais de hostalería nas terrazas en zonas «quentes» como as rúas Coruña, Horreo, Estrela ou Perú.

Afirman que en ocasións vense obrigados a ter que avisar ás autoridades, dado que os encargados dos locais son moi permisivos á hora do peche, establecido para a medianoite, pero quéixanse de que á 1 e as 2 da madrugada seguen como á primeira hora.

Ademais tamén se queixan de que na travesía principal a velocidade á que circulan os vehículos de noite é claramente excesiva, sen ningún tipo de control por parte da autoridade competente.