- O proxecto, valorado en 128.000 euros, levarase este venres a pleno para a súa aprobación
O Concello de Camariñas levará este venres ao pleno a proposta de aprobación do proxecto de reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández así como a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención para financiar as obras, valoradas en 128.000 euros.
Os traballos a executar centraranse na pavimentación das rúas citadas. Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado na rúa Ramón Noguera e de aglomerado asfáltico en Irmáns Fernández, material que tamén se usará para o entronque coa Avenida da Coruña.
Previamente á pavimentación procederase á execución dunha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á red xeral que conduce á estación depuradora. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.
O proxecto finalizarase coa habilitación dun paso peonil de pedra granítica que conectará a Avenida da Coruña coas rúas en cuestión a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha baranda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.