O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, reuniuse na Casa da Cultura de Cee con alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos concellos da Costa da Morte para abordar a implementación dun proxecto piloto de Axenda Urbana na Costa da Morte e de como adaptala á contorna na que debe desenvolverse, así como para dar a coñecer os servizos que ofrece aos municipios a nova oficina Next Generation creada pola Deputación e con sede física no Concello da Capela.
No encontro participaron a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán, Juan Manuel Saborido Rama, alcalde de Carnota; Sandra Insua Rial, alcaldesa de Camariñas; Manuel Insua Insua, alcalde de Corcubión; José Manuel Pequeño Castro, alcalde de Dumbría; José Marcote Suárez, alcalde de Fisterra; María José Pose Pérez, concelleira de Vimianzo; Óscar Lema Romero, concelleiro de Zas, así como persoal técnico da Deputación e da oficina provincial Next Generation.
A Axenda Urbana é un documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe ademais un documento de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen na planificación dos núcleos urbanos. Este novo método de traballo busca maximizar o potencial de crecemento das cidades e os territorios e, a través del, abordar os retos sociais da sociedade.
O obxectivo da Axenda Urbana é reflexionar e transitar cara a un modelo de cidade futura que sexa máis resiliente aos retos do cambio climático, que conte cunha boa planificación urbanística, que goce dunha mellor calidade da contorna e que sexa facilmente recorrible a pé e en medios de transporte non contaminantes, que favoreza a preservación do territorio e a cohesión social, que sexa máis verde e permeable e que favoreza a economía circular e a biodiversidade urbana. Todo isto tendo en conta as novas realidades da era dixital e co obxectivo último de dotar de maior calidade de vida aos seus habitantes.
Ademais durante a reunión púxose de manifesto que os municipios que comprende a Costa da Morte contan cunha forte tradición de colaboración, cooperación e participación público–privada no que se refire a planificación estratéxica, aspecto que avala aínda máis a súa idoneidade como territorio piloto para a elaboración dun Plan de Acción da Axenda Urbana que sirva de referencia para outras áreas similares.