Proxecto de restauración ecolóxica na lagoa de Cospeito


Dentro das accións comprometidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a conservación e mellora do patrimonio natural figura un importante proxecto de rexeneración na lagoa de Cospeito co obxectivo de fortalecer elementos clave para este espazo que determinan a súa dinámica natural e biodiversidade.

Cómpre subliñar que a lagoa de Cospeito, situada dentro da Zona de especial conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga, é unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia debido á presenza dun importante número de especies de flora e fauna protexidas propias deste singular tipo de ecosistema.

A actual configuración do humidal deriva das actuacións de restauración realizadas en 1997 pola Xunta de Galicia e ás que, posteriormente, se lles deu continuidade con distintas accións de monitorización, recuperación de hábitats, reforzos poboacionais de especies protexidas e control das invasoras, así como outras medidas destinadas a facilitar o uso público deste espazo.