- Trátase dunha iniciatica da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, que suporá unha aposta polo fomento da edificación de consumo enerxético case nulo, aplicando os estándares da vivenda pasiva.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira Varela, e o alcalde do Concello de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, xunto ao deputado da área de Emprego, José Ramón Rioboo, reuníronse co obxecto de impulsar conxuntamente un proxecto de promoción de vivendas ecolóxicas na provincia.
Durante este encontro os representantes de ambas institucións manifestaron opinións acordes sobre a importancia de potenciar a arquitectura ecolóxica mediante a promoción de inmobles pasivos, de consumo enerxético case nulo. Este modelo de edificación, construída aplicando os estándares da passivhaus,responde a un deseño construtivo que busca reducir ao máximo a enerxía necesaria para a súa climatización, logrando manter un ambiente e unha temperatura constantes e confortables durante todo o ano mediante a optimización dos recursos existentes.
Deste xeito encargouse un estudo de viabilidade de vivendas passivhaus no Concello de Carballo, que foi redactado por un equipo liderado pola arquitecta Marta Trigás, profesional que desenvolve a súa actividade desde o coworking do Pazo de Arenaza, centro insignia da Rede Provincial de Coworking.
Neste estudo valoráronse aspectos sociais e da xeografía humana, como a densidade de poboación, a existencia de demandantes de vivenda na zona, a existencia de vivenda desocupada, e demais cuestións, que concluíu que o ámbito proposto é unha localización idónea para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda pasiva, tendo en conta tamén o modelo de desenvolvemento urbano sustentable que está a asumir e que o postulan como un exemplo a seguir por outros concellos da contorna e da provincia, en termos de mobilidade, accesibilidade e inclusión.
Tras esta análise, o Concello de Carballo e a Deputación acordaron formalizar un convenio para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social coa finalidade de impulsar actuacións replicables por toda a provincia. Ambas institucións acordaron destinar un total de 94.967 euros a sufragar os custos totais do proxecto, dos cales a Deputación comprometeuse a achegar para a súa execución 70.967 euros de fondos propios (o 74,73% do total), mentres que o Concello de Carballo aportará os 24.000 euros restantes (o 25,27%).