Próxima apertura de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa para a extracción de mexilla


A Consellería do Mar acordou co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla -semente de mexillón- en bancos naturais para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano. A previsión é que esta apertura de novas áreas de traballo sexa un feito xa a partir do luns e que se completará ao longo da semana para así dispor destas zonas no próximo período de baixamar e, por tanto, en condicións óptimas para a extracción da mexilla. Esta decisión é o resultado dos contactos mantidos nas últimas semanas con parte das entidades do sector mexilloeiro -que fixeron distintas propostas á Administración- e coas federacións de confrarías de pescadores, que mostraron a súa empatía e solidariedade coa difícil situación actual pola falta de recurso.