PSC e ERC comezan negociacións paralelas para a investidura


Tras a xornada electoral deste domingo en Cataluña os partidos políticos comezan a mover ficha, o PSC tras case duplicar os seus escanos e ser a primeira forza política na comunidade 18 anos despois, Salvador Illa loitará pola investidura. O candidato socialista di que “o PSC gañou as eleccións, converteuse unha vez máis no centro de gravidade da política catalá e síntome na obriga de intentalo e de traballar para conseguilo”.

Esquerra, cos mesmos escanos pero menos votos di que aspira a un goberno amplo, na ecuación non entra un dos partidos que apoiou o 155. Oriol Junqueras, presidente de ERC, asegura que “un goberno co PSC é imposible porque somos os dous partidos políticos máis antagónicos de Cataluña”.

Esquerra acelera os contactos para intentar adiantarse aos socialistas: Junts per Cat, cun escano menos, di que o seu foi un empate técnico, pero que non teñen incoveniente en que Pere Aragonès sexa presidente. Ao que non están dispostos é a aceptar os comúns como compañeiros de viaxe, como queren os republicanos.