PSdeG: A soberbia de Feijóo deixao “noqueado” polo conflito do paridoiro de Verín


O portavoz de Sanidade do Grupo Socialsita, Julio Torrado, comparou este xoves ao presidente da Xunta cun “boxeador noqueado” polo conflito desatado “pola súa decisión política” de pechar o paridoiro de Verín. No debate dunha iniciativa parlamentaria na Comisión de Sanidade para pedir a reapertura que o PP rexeitou, o responsable socialista criticou que “non resolveron” antes “porque non quixeron”.

“Vostedes só resolven cando se ven apertados”, dixo antes de afearlle ao presidente da Xunta que non afrontara a decisión “cando sabían que ía xubilarse o pediatra que había”. Denunciou que “coas mans libres pecharon o paridoiro de Verín, e por soberbia non foron quen de asumir que se equivocaron, e agora buscan escusas de calquera maneira para volver abrir o servizo, porque vostedes si que fan cálculos numéricos”.

Alertou de que “se de vostedes depende pecharán –o paridoiro de- Verín, e despois Valdeorras, e despois Monforte, Burela, Cee, Ribeira e O Salnés” porque “é unha decisión política” que non quixeron rectificar ata que non se viron desbordados. Resumiu que “se agora vai haber pediatras, que –puntualizou- nós queremos que haxa, é que non resolveron antes porque non quixeron, porque se lles viu a patiña e, como non mediron ben, agora toman a decisión política de revertelo”.

Intervención de Julio Torrado.