- Esta moción será levada ao vindeiro pleno, que se celebrará o xoves 29 de abril
O PSOE de Coristanco, a través do seu portavoz José Manuel Pérez Abelenda, levará ao pleno do vindeiro xoves, 29 de abril, unha moción para instar ao Goberno local á creación dun rexistro municipal para empresas e autónomos da localidade. Este documento permitirá a estes traballadores poder optar a proxectos menores sen que sexa necesario reunir á Mesa de Contratación ou elixir empresas foráneas.
Para os socialistas este rexistro ten dous claros obxectivos: promocionar aos traballadores do municipio e facilitarlles que, de forma rotatoria, poidan participar na adxudicación de contratos menores dentro das posibilidades que dá a nova lei 9/2017 do 8 de novembro de Contratación do Sector Público. Os proxectos menores, dentro da contratación pública, son aqueles que teñen como máximo un valor estimado de 40.000 euros en obras e de 15.000 euros no resto de servizos e suministros.