A moción inclúe dous acordos principais: instar á Xunta de Galicia a eliminar as peaxes e establecer a gratuidade plena da AG-55, e executar un plan de mantemento urxente para corrixir os problemas do firme e os puntos de acumulación de auga, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias.
Os socialistas lembran que a AG-55, a primeira autoestrada integramente galega, foi construída en dúas fases, coa apertura do tramo A Coruña-A Laracha en 1993 e a súa extensión ata Carballo en 1997. Sobre esta última inauguración, sinalan que se realizou “nun acto sorpresa, de noite e con presenza policial”, impedindo o achegamento da veciñanza que reclamaba a súa gratuidade.
A formación explica que a Xunta é titular da infraestrutura, cuxa concesión foi adxudicada á Autoestradas de Galicia por un período de 50 anos, ata 2045.
En relación coa ampliación da autovía, os socialistas aseguran que “a prolongación ata a Costa da Morte aínda non é unha realidade” e lembran que foi o Goberno bipartito o que impulsou o proxecto coa licitación das obras en 2007 por importe de 584 millóns de euros, ademais de deixar preparado o estudo para o tramo Berdoias-Cee.
Segundo expoñen, coa chegada do PP ao Goberno galego rescindiuse o contrato inicial e volveuse licitar a obra en 2009. Engaden que, tras varios procesos fallidos, en 2011 adxudicouse o tramo Carballo-Berdoias, pero posteriormente a Xunta “perdoou á concesionaria a execución dos últimos 15 quilómetros entre Baio e Berdoias”, o que supuxo, segundo indican, “un mal negocio para a comarca” ao reducir o alcance da infraestrutura.
Os socialistas sinalan ademais que o plan inicial contemplaba a conexión ata Cee e o porto de Brens, incluída no Plan MOVE aprobado pola propia Xunta en 2010, unha actuación que segue sen executarse.
No ámbito económico, indican que desde 2016 a Xunta paga á concesionaria un canon anual de 23 millóns de euros, que se incrementa progresivamente, ata acadar un gasto total estimado de 630 millóns ata o ano 2038.
Tamén lembran que no Consello da Xunta do 10 de outubro de 2024 se aprobou o rescate de catro autoestradas autonómicas —do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión— cun investimento de 297 millóns de euros. Neste sentido, critican que a AG-55 quedase fóra desa medida e citan ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen asegurou que esa operación permitiría “un aforro de máis de 30 millóns de euros ao ano para as arcas públicas galegas”.
Fronte a isto, os socialistas afirman que na AG-55 “non hai aforro para a Xunta porque son os propios usuarios os que pagan directamente o custo”, e engaden que a infraestrutura “segue a ser un negocio rendible para a concesionaria, ao que lle restan anos de explotación”.
En canto ás peaxes, detallan que as tarifas actuais sitúanse en 2,60 euros entre Carballo e A Coruña, 1,35 euros entre Paiosaco e Carballo, 1,30 euros entre Arteixo e A Laracha e 0,85 euros entre A Laracha e Carballo. A este respecto, consideran que as bonificacións aplicadas pola Xunta “non compensan a débeda histórica” coas comarcas da Costa da Morte e Bergantiños.
No relativo á seguridade viaria, os socialistas sinalan que o trazado de 32 quilómetros entre Carballo e A Coruña conta con 51 curvas, “algunhas delas perigosas”, e denuncian o estado do firme, con “rebacheos, tramos deteriorados e acumulación de auga en días de choiva”, o que pode provocar situacións de aquaplaning e perda de control dos vehículos.
Na súa valoración, recollida na moción, afirman que “levamos 30 anos de abuso pagando unha peaxe que nunca debera poñerse” e que a cidadanía leva “30 anos de aldraxe sufragando unha infraestrutura que necesitaba e que lle fan pagar directamente”.
Os socialistas defenden que a AG-55 é unha infraestrutura “fundamental e vital” para o desenvolvemento económico, a mobilidade e o transporte de mercadorías, ao conectar os parques empresariais coa cidade da Coruña e co porto exterior de Punta Langosteira, así como para mellorar a seguridade nos desprazamentos da veciñanza.