O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a aprobación do novo Plan de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que vén reforzar a anticipación e a resposta coordinada ante estes eventos de escaseza dos recursos hídricos co obxectivo de garantir o abastecemento de auga á poboación.
Trátase do Plan de seca 2021-2027, un instrumento de planificación que actualiza o existente desde o ano 2013, que permitiu xestionar algúns dos episodios de seca e escaseza máis importantes acontecidos nos últimos anos na Demarcación Galicia-Costa, a conca de competencia autonómica.
Augas de Galicia, a entidade hidráulica da Xunta dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dá así publicidade do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de xuño de 2022 polo que se aproba este instrumento de anticipación e planificación actualizado, que supón unha maior adaptación ao escenario do cambio climático.