Publicada a convocatoria de OPE con 106 prazas de médico especialista en atención primaria

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria da Oferta Pública de Emprego con 106 prazas de médico, na especialidade de atención primaria.

Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia converterase na primeira Comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos.

A convocatoria ten como obxectivo paliar o déficit de facultativos na atención primaria e dar resposta adecuada ás necesidades deste nivel asistencial, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, as actuacións previstas no Plan galego de atención primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria.

En relación ao número de prazas da OPE, 73 delas corresponden á quenda de acceso libre, 6 resérvanse para o acceso de persoas con discapacidade e 27 á promoción interna. Así,poderán participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

Entre as características das novas prazas é salientable o caracter mixto que posúen no referido á prestación de servizos, pois combinarán a atención sanitaria nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional ( Fides/ expedient-e/Sección de Procesos/ OPE). Así, o plazo de presentación de solicitudes estenderase desde mañá día 28 de abril, até o próximo 31 de maio.