O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución da declaración da área de rehabilitación integral (ARI) do núcleo de Oseiro, no concello de Arteixo.
O ámbito do núcleo de Oseiro incorpora os asentamentos orixinais do Igrexario e Oseiro ata o lugar da Raña e a urbanización “Sol y Mar”, engadindo os espazos públicos que dan soporte á edificación e, en particular, o viario antigo que serve de nexo de unión entre rueiros.
O número total de vivendas e é de 719, incluídas nos 210 edificios de carácter residencial, dos cales 18 son edificacións auxiliares ao uso residencial en parcela independente.
A superficie total do ámbito é de 201.862 metros cadrados.
Esta é a segunda área de rehabilitación declarada no concello de Arteixo, que xa conta coa de Meicende-O Petón, declarada no 2025. A xestión da ARI é competencia do Concello.
Ao sumarse a do núcleo de Oseiro, Galicia conta xa con 80 ARIs municipais declaradas en 46 concellos, ademais das tres ARI supramunicipais dos Camiños de Santiago, Ribeira Sacra e Illas Atlánticas. En total, 162 concellos teñen, polo menos, unha área de rehabilitación integral.
A Xunta coa declaración destas ARI dá cumprimento ao seu obxectivo de facilitar oportunidades aos cidadáns para mellorar a calidade das súas vivendas, mediante o impulso de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI e, grazas ao compromiso de todos, avánzase na recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos concellos de Galicia.