O acordo aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado día 29 de decembro, supón a declaración de interese autonómico para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia, que implicará, tras a aprobación definitiva do proxecto, a declaración da súa utilidade pública e a adaptación do planeamento urbanístico. Con esta declaración, determínase que o proxecto do novo hospital público da Coruña ten unha relevancia singular, o que xustifica a implicación da Xunta no seu desenvolvemento e impulso como unha absoluta prioridade. Para esta aprobación elaborouse un documento técnico de proposta de actuación, no que se recollen as principais características da intervención prevista e se dá conta da súa importancia desde o punto de vista territorial e funcional. Nel, identifícanse ás administracións directamente afectadas, o Concello da Coruña e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, xa que está previsto mellorar a conectividade do hospital coa rede de estradas de titularidade do Estado.
35