Turismo de Galicia, acaba de reeditar o folleto de sendeirismo Sendas para descubrir un país, unha publicación de 268 páxinas, que constitúe unha das mellores ferramentas para a práctica desta actividade de contacto coa natureza en todo o territorio da comunidade galega. Nesta nova edición, a publicación especializada en sendeirismo actualiza a súa información e inclúe 57 camiños máis ca anterior edición. Así, esta guía recolle información sobre os 122 sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galicia, dos que tres son sendeiros de gran percorrido e 119 de pequeno percorrido. A publicación inclúe unha parte informativa sobre a nomenclatura e símbolos que o camiñante se atopará nos camiños, así como sobre o Sistema MIDE, relacionado coa comunicación entre excursionistas para avaliar as esixencias técnicas e físicas dos percorridos. A información deste folleto, pódese complementar coa aplicación para teléfonos intelixentes Sendegal, realizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo.
42