A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación por 4.514.012 euros do contrato de servizo de xestión e dixitalización de documentación clínica da área sanitaria da Coruña e Cee por un período de catro anos.
O obxectivo deste contrato é acadar a mellor asistencia sanitaria á cidadanía e, para iso, o persoal sanitario dos centros que realiza o diagnóstico e tratamento dos pacientes ten que ter acceso á mellor información clínica dos doentes, como instrumento fundamental para a súa axeitada asistencia.
O prazo de recepción de ofertas das empresas que queiran desenvolver este contrato remata o martes 16 de xullo.
Dixitalización do historial dos pacientes
A historia clínica é o conxunto de documentos que conteñen os datos, valoracións e informacións sobre a situación e evolución clínica dun paciente ao longo do proceso asistencial.
A implantación da historia clínica electrónica no Servizo Galego de Saúde significou unha variación das tarefas que se realizan no arquivo de historias clínicas, ao levar a cabo a dixitalización dos documentos en papel que custodia e a dixitalización dos documentos en papel que se seguen a utilizar para rexistrar datos e informacións de carácter asistencial.
Calcúlase que o número de historias clínicas que se dixitalizarán no período de catro anos de duración do contrato será de ao redor de 90.000.
Deste xeito, a xestión diaria da documentación clínica está composta polas historias clínicas que se conservan e circulan en formato físico, así como a documentación que é necesario transformar a un formato dixital para incorporala á historia clínica electrónica.
Así, entre as tarefas que se deben realizar no marco da prestación do servizo que se vai contratar están a xestión da documentación clínica en formato físico, como pode ser o seu almacenamento e custodia; o préstamo e arquivo do utilizado polos centros sanitarios e a trazabilidade da documentación; así como a dixitalización da documentación clínica, co almacenamento das copias na infraestrutura de xestión documental do Servizo Galego de Saúde, de xeito que poidan ser visualizadas desde a aplicación da historia clínica electrónica.